Etiqueta: Robótica
DOC, o robot de Clementoni para Educación Infantil
DOC recórdanos ao clásico Emilio. Con el, os nenos de 3 a 7 anos poden dar os seus primeiros pasos na programación e desenvolver o pensamento lóxico.
É exactamente igual ao BeeBot/BlueBot en canto ao seu funcionamento (cada paso son 15 cm.) pero co engadido de que interactúa de forma oral co xogador/a. Ademais, inclúe:
- un taboleiro desmontable de doble cara de 94×68 cm. Por unha cara temos un taboleiro (1) con letras, animais e cores (máis sinxelo); pola outra (2), un con obxectos e lugares (máis dificultade).
- 16 tarxetas direccionais de doble cara, para poder elaborar fisicamente as secuencias completas antes de darlle as indicacións a DOC.
- e 26 tarxetas de xogo, con indicacións de como chegar a cada cadro do taboleiro 1 (tarxetas vermellas) e desafíos a realizar no taboleiro 2 (tarxetas azuis).
Para comezar a xogar debemos colocar a DOC sempre no punto de inicio. Grazas a iso, DOC sabe onde se atopa en cada momento, podendo darnos indicacións do punto ao que nos temos que dirixir a continuación e dicíndonos se o fixemos ben ou se, pola contra, temos que volver a intentalo.
DOC ten 3 modos de xogo: free (libre, en calquera dos 2 taboleiros ou nos de creación propia, xa que neste modo non da indicacións orais), edu (no taboleiro 1, tendo que seguir as indicacións orais que nos da) e game (no taboleiro 2, tendo que realizar secuencias de máis complexidade).
Aquí vos deixo un vídeo para que o vexades en acción:
E, por último, o mellor: o seu prezo é de 29,95€. Sen lugar a dúbidas, dende o meu punto de vista, unhas das mellores opcións para utilizar nas aulas de Educación Infantil.
Letras e robótica
Un dos moitos contidos que podemos traballar ao mesmo tempo que nos iniciamos na linguaxe de programación manexando o robot Blue Bot son as letras. Este panel permítenos facer moitas actividades, como por exemplo:
- Organización espacial (para montar o taboleiro, cada un ten que colocar unha letra no lugar que lle corresponde).
- Asociación de letras maiúsculas coas súas minúsculas.
- Creación de palabras (aprendendo así a orde na que van as letras das mesmas).
- Asociación fonema-grafema.
- Recoñecemento fonolóxico.
- Actividades relacionadas coas cores.
- E tódalas actividades que se vos ocorran.
Déixovos un vídeo do alumnado de 6º de Educación Infantil (5 anos) do CEIP do Carballal de Marín levando a cabo algunha destas actividades:
Tamén vos deixo un PDF con todas as celas do taboleiro, a imprimir en folios de cores, e as letras en branco para pegar enriba.
Números e robótica
Ao mesmo tempo que desenvolvemos a linguaxe de programación polo uso do robot (neste caso, o Blue Bot), podemos aprender outros conceptos como pode ser a recta numérica. Algún exemplo de actividades que podemos realizar, ordenadas de menor a maior complexidade, son:
1. Tirar un dado e levar o robot ata o número que indica (conteo e asociación número-cantidade).
2. Tirar os 2 dados e levar o robot ata o número que indican (conteo, iniciación á suma e asociación número-cantidade).
3. Co robot xa ubicado encima dun número, tirar un dado e levar o robot ata o número que indica (movementos pola recta numérica desde un número).