Realidade aumentada como autoavaliación

Realidade aumentada como autoavaliación

Todos os días, na clase de 4º de Infantil (3 anos), o encargado/a ten que encontrar o seu nome entre todos os da clase. Pero… como saben se realmente o nome que collen é o deles?

Grazas á app Aurasma (dispoñible para Android e iOS), que nos permite crear realidade aumentada ao noso antollo, eles mesmos poden autoavaliarse xa que lles aparecerá na tablet, como por arte de maxia (para eles é “o espelliño máxico”) un vídeo do neno ou nena ao que pertence o nome.

Déixovos unha pequena mostra para que vexades como funciona:

Fontes de texto escolares para descargar

Fontes de texto escolares para descargar

O curso pasado (grazas Lucía) descarguei un tipo de letra (a “ligada”) que non vén por defecto nos procesadores de texto e que me foi moi útil á hora de elaborar material para o alumnado de 6º de Educación Infantil (5 anos). Agora, acabo de descubrir unha fonte moi interesante para os de 4º de EI (3 anos) para repasar letras de puntiños e outra que simula escritura de nenos para utilizar en presentacións, dípticos, carteis…. Seguro que moitas de vós xa as coñecíades, pero para as que non, aquí vos deixo un exemplo de cada tipo de letras e os arquivos listos para descargar e instalar no voso ordenador (por se vos gustan e as vedes útiles para elaborar o voso material). Unha vez instaladas, xa as deberíades poder seleccionar en todos os editores de texto que teñades no PC.

Captura de pantalla 2017-11-22 a las 20.25.29

Descarga aquí o arquivo para instalar a fonte Masallera.

Captura de pantalla 2017-11-22 a las 20.31.29

Descarga aquí o arquivo para instalar a fonte Codystar.

Captura de pantalla 2017-11-22 a las 20.46.27

Descarga aquí o arquivo para instalar a fonte kindergarten.

Esta última descargueina da web dafont.com, a cal vos recomendo para descargar outras fontes escolares ou de calquer tipo (artísticas, temáticas…). Nela podedes buscar por categorías (escolar, manuscrito, Halloween, natureza, música…) e encontrar fontes tan chulas como estas para o Nadal, por exemplo:

Captura de pantalla 2017-11-22 a las 20.38.55

Por un corredor seguro

Por un corredor seguro

A continuación déixovos un resumo do proxecto Por un corredor seguro elaborado para a súa presentación nunha xornada de boas prácticas que tivo lugar onte na Cidade da Cultura para os centros que están no programa de formación e mentoring PITEAS.

Dito proxecto foi levado a cabo durante o curso pasado (2016/2017) no CEIP do Carballal (Marín) grazas ao que o alumnado de educación infantil se deu conta de que había que facer algo para solucionar os atascos que se producían no noso corredor. Foi deseñado seguindo o modelo SEM de Renzulli que nos propón PITEAS co que conseguimos unha maior motivación e implicación do alumnado.

As actividades de tipo I (motivación), II (desenvolvemento) e III (producto final con audiencia real) que aparecen recollidas foron realizadas polo alumnado de 6º de EI (5 anos).

As competencias na Educación Infantil

As competencias na Educación Infantil

Son as competencias un elemento prescritivo do currículo na etapa de Educación Infantil? Cales tomamos como referencia, as básicas ou as clave? Desenvolvémolas realmente nas nosas aulas?

Para contestar ás dúas primeiras cuestións basta con botar unha ollada á lexislación vixente. Primeiro, buscando no marco normativo da propia etapa (Real Decreto 1630/2006, Decreto 330/2009 e Orde do 25 de xuño de 2009) todo o que aparece relativo ás “competencias”. E segundo, buscando na normativa máis recente sobre competencias (Orde ECD65/2015) o termo “educación infantil”.

Para contestar á terceira pregunta, tal e como nos di a Orde do 25 de xuño de 2009, cada docente deberá avaliar a adecuación da súa proposta metodolóxica na contribución á adquisición das competencias básicas.

Todo isto foi o que tratamos nas xornadas organizadas polo CFR de Pontevedra Avaliar para ensinar a aprender que tiveron lugar en Pontevedra e Lalín. A continuación déixovos en PDF a parte relativa a Educación Infantil do noso relatorio: Avaliación de proxectos da CMCT na EI e EP (con Charo Martínez). Podedes ver a nosa presentación completa (coa parte de Primaria incluída) así como as do resto de relatores (Neus Sanmartí, Diego Ojeda e Manuel Torres) no seguinte enlace.

Colección de cromos de animais [galego]

Colección de cromos de animais [galego]

Dado o seu interese polos cromos (da Liga de fútbol, de Yokai…), ocurréuseme crear unha colección para:

  • Seguir avanzando no proceso de lectoescritura.
  • Traballar sobre o abecedario.
  • Coñecer as letras minúsculas.
  • Aprender nomes de animais en galego.
  • Investigar sobre os animais que veñen no álbum.
  • Categorizar os animais segundo o seu nacemento (vivíparos e ovíparos) e a súa alimentación (herbívoros, carnívoros e omnívoros.

Xa que necesitábamos certa información, cada alumno levou para a casa unha ficha cun animal (as cales vos deixo a continuación) para investigar, polo menos, cómo nacía e de qué se alimentaba.

Unha vez cubertas, fixemos un libro para a biblioteca de aula.

Cada semana “chegan” 4 novos cromos que cada alumno colorea, recorta e pega no seu álbum para ir así completando a coleccción. Ese é o momento para que os nenos que investigaron sobre eses animais expoñan ao resto de compañeiros os seus descubrimentos.

Está resultando unha actividade moi motivadora xa que moitos nenos e nenas esperan con impaciencia a chegada de novos cromos ou algún cromo en particular (“profe, cando vai chegar o unicornio?”). Si, unicornio (o resto son reais). En galego non encontrei ningún animal real que comezase por U!

Bandeiras de Europa en realidade aumentada

Bandeiras de Europa en realidade aumentada

Con motivo da celebración do Día de Europa o 9 de maio (día de obrigada conmemoración segundo a Orde de calendario escolar), cada alumno/a coloreou unha bandeira dun país europeo e escribiu o nome do mesmo. Grazas á app Quiver, cando lles toque o recanto das TIC poden ver na tablet todas as bandeiras en realidade aumentada.

Déixovos un pequeno vídeo-resumo da actividade e o material necesario para levala a cabo.



Días da semana para a asemblea

Días da semana para a asemblea

Dende fai un mes, contamos cunha nova forma de ver na asemblea en que día da semana nos atopamos grazas a unha idea vista en Pinterest. Antes simplemente poñiamos o día, os cales estaban todos na mesma cor e nun tamaño máis pequeno. Estes son máis grandes, teñen máis colorido e engadimos os conceptos temporais que máis costa adquirir: onte, hoxe e mañá.

Agora, o encargado de cada día coloca as pinzas no lugar correspondente (mellorando de paso un pouquiño a motricidade fina).

Déixovos o arquivo listo para imprimir (en galego e en castelán) por se o queredes  poñer nas vosas aulas.